26.4.09

Por todos, para todos

A finais do ano pasado levamos unha sorpresa maiúscula: había un afeccionado a Gáidil, da mesma Irmandade do World of Warcraft que Amra o León (tamén coñecido por Gerry López) que nos fixo unha proposta moi moi interesante: crear unha wiki de Gáidil. Jab Korr é o responsable e o administrador desta idea.

Por suposto lle dimos luz verde ao proxecto, visto que pode ser unha maneira interesante de aportar máis datos sobre o Mundo de Gáidil, a Gael-leach, os diferentes seres da Luz e do Sidh...
Neste lugar de encontro poderemos atopar castros novos, novas castes, armas diferentes e moitas outras cousas, e todo o que se queira. Pola nosa parte tentaremos aportar moito e traballar para que esta wiki medre.

Pero o que agardamos verdadeiramente é que vós mesmos ampliedes, na medida en que vos apeteza, este mundo que é Gáidil.
Como xa dixemos cando publicamos o libro, agora Gáidil é voso, e sodes vós quen lle dades vida na medida en que o xogades. Nin a Arma nin a min nos gustaron nunca as "Campañas oficiais pechadas", onde a labor dun máster imaxinativo era aplastada pola maquinaria editorial impoñendo ideas.

A dirección desta wiki é http://cronicasgaidil.wikia.com/
Agardamos que lle sexa de utilidade a todos os afeccionados.
De novo, moitas gracias a Jab pola idea e pola paciencia que tivo para levala a cabo. Agora, pola nosa parte, a traballar!

13.4.09

Orfos de novo

Se xa o pasado anos perdiamos a Gary Gygax, o pasado día 7 de abril perdimos a Dave Arneson.

A Dave debémoslle moito todos aqueles que temos a afección non só como pasatempo, se non como medio de vida.
Foi el quen, partindo dos xogos de guerra con miniaturas, desenvolveu as primeiras aventuras de rol tal e como as entendemos agora: cada xogador, en troques de levar un exército enteiro, se encarna nun só personaxe, mentres que un árbitro encarna todo o demais que haxa no mundo. É unha mágoa todo o que ocorreu logo entre Gygax i el, malos rollos e demais. Arneson é a mente pensante, deseñadora de sistemas e xeitos de xogo que quedou na sombra, para desgracia de todos.
Dave Arneson (1/X/1947 - 7/IV/2009)

Igual que pasara cando morreu Gygax, cando Patrick me deu a nova sobre Arneson sentín pena, coma se morrera un parente lonxano ao que hai tempo non ves.
Agardo que Gary máis el se atopen no Outro Lado e poidan arranxar os seus problemas e, con sorte, o día que me toque a min pasar dese Lado ter a ocasión de botar unhas partidas con eles, xa a Blackmoor, a D&D, ou mesmo a Gáidil.

2.4.09

De novo por eiquí.

Buf, canto tempo. Acontecementos do pasado impedíronme retomar o blog. Acontecementos do presente e o futuro obríganme a voltar. E, antes de nada, un saúdo a todos!
Anunciarvos que moita xente se está movendo por manter viva a Afección.
Ao primeiro que vou nomear é a Zónula, que está removendo Raxoi co Ensanche para poder celebrar unhas macro-xornadas galegas este verán. Tamén me contou que ten preparados uns mini-encontros de rol e simulación para este maio, así que estade atentos.
Tamén nomear aos herméticos, e sobre todo a certos membros dese colectivo, os Cabaleiros Mercenarios, que se poñen á nosa disposición para amenizar, loitar e, sobre todo, rolear!
En Artabria coméntame Nacho que a asociación Ossián prepara tamén unhas xornadas para este verán. Agardo que non se eclipsen as de Santiago e as de Ferrol. Xa ocorreu coas que montaron Mangalego na Coruña e os Tuata dé Danann en Pontevedra e pasou o que pasou: mínima convocatoria.

Por último nomear a Jab Korr, que está a traballar un montón e pouco caso lle facemos. As nosas desculpas e promesa de poñernos canto antes a traballar no seu proxecto.

Bicos e apertas, a ver se actualizo máis a miúdo!