6.1.09

Os Reis Magos pasaron por Gáidil

E aí vos vai parte do que deixaron...

Comunión

Comunión é unha Habelencia moi especial, e un tanto distinta ao resto de Habelencias. Mediante o seu uso poderemos comunicarnos con case calquer cousa do mundo de Gáidil.

A simple vista poderíase considerar unha variación da Habilidade Entender, pero ten unha amplitude maior.

Cando mercamos esta Habelencia debemos escoller con qué elemento aprendemos a entrar en comunión: Rochas, Mar, Árbores, Aves, Ríos, Nubeiros, Choiva, ...

A mecánica de uso é semellante a unha Habilidade, así que a maioría das veces unha tirada de Comunión se pode resolver cunha tirada simple.

En certos casos especiais en que o Contacontos o considere oportuno pode esixir unha tirada de Maxia convencional.

No caso de unha tirada simple tan só o protagonista entendería ao elemento co que se comunique. En caso dunha tirada de Arcano, por cada nivel que teña na Habelencia poderá engadir a outro participante que poderá tanto entender coma falar.

Cómpre sinalar que, se o Contacontos o permite, o xogador pode preferir facer unha tirada de Arcano en troques dunha simple para engadir participantes na conversa.

Exemplo 1: Arume, unha feiticeira ártabra, ten Comunión (Mar) +3. Está cos seus amigos na Praia dos Niños, ao norte de Artabria. Tenta falar alí cos mares que forman as Pradarías de Lir, xa que están na procura dun tesouro que se perdeu nese mar. O Contacontos decide que será unha tirada simple, e pon de dificultade 9. Arume tira 2d6 máis a súa Habelencia Comunión (Mar) de +3, e obtén un total de 11: éxito. O Mar cóntalle que lembra, hai centos de invernos, a un heroe que tirou tal tesouro entre os penedos da praia... que sería mellor que lle preguntaran á Rocha Enorme que hai rompendo ondas un pouco máis alá.

Exemplo 2: Na compaña dos seus amigos, Arume vai a tentar falar con tal Rocha (ten Comunión con Rochas a +2), pero o Contacontos dille que está moi durmida. Vai ter que facer unha tirada de Arcano. Arume ten 4 de Arcano, 8 de Vontade e 6 de Saúde. O Contacontos decide que a dificultade é 10. Reparte 2 dados a Elaboración e 2 a Folgos. Fai a tirada de Elaboración e ten éxito, pero falla a de Folgos (perdendo 2 de Saúde). Logra espertar á Rocha Enorme e, gracias ao seu nivel na Habelencia, podería engadir a 2 persoas máis na conversa, que poden ser outras rochas menores que haxa por aló, ou a 2 dos seus amigos ou unha mestura.

Rituais de Comunión

Cando usamos a Habelencia de ritual vencellada á Comunión poderemos facer unha preparación previa.

Por cada hora que preparemos a Comunión poderemos descender a dificultade das tiradas en 1 (até o máximo que teñamos en Arcanismo ou Veneración).

Ademáis, poderemos facer comunións na distancia cos elementos seleccionados. Para poder facelo deberemos usar un foco especial (un espello, unha lagoa de augas calmas, lume de fogar, soños).

O emisor (quen lanza o feitizo) só poderá crear unha comunión con aqueles que se atopen a certa distancia. Para saber a qué distancia podemos facelo multiplicaremos o nivel de Comunión co de Arcanismo ou Veneración se son iguais ou menores que Ritual. Ese número será o máximo de días de camiño para unha persoa normal á que o receptor pode estar.

Exemplo: Brelio o Escuro quere entrar en Comunión con Estelios o Atlante para mandarlle unha mensaxe. Ten Comunión (Guéghel) +3, Ritual +4 e Arcanismo +5. A distancia máxima á que pode mandar a mensaxe é de 12 días de camiño, xa que aínda que ten Arcanismo +5 éste queda limitado ao seu nivel de Ritual, que é +4. Brelio atópase preso no Torreón do Baol'Engo, e pensa que Estelios se atopa en Libredón. Como Libredón está a moito menos de 12 días de camiño de tal Torreón, a mensaxe está en alcance. O Obxectivo de Brelio, polo tanto, sería toda Libredón; a mensaxe buscará a Estelios por todo o castro.

Unha vez sabido se é posible mandarlle a mensaxe (o emisor nunca o saberá con exactitude, a non ser que teña certeza absoluta de que o receptor esté nun sitio), o emisor fará unha tirada de Arcano á cal o Contacontos lle imporá unha dificultade dependendo da distancia, a situación de emisor e receptor e os lugares onde se atopen. Se ten éxito, o emisor poderá lanzar unha mensaxe cunha lonxitude máxima en palabras igual á diferencia entre a dificultade e a súa tirada de Elaboración, cun mínimo de 1.

Exemplo: Brelio ten unha dificultade para mandar a mensaxe a Estelios de 12, e obtén en elaboración un 18: poderá mandar unha mensaxe de 6 palabras.

Agardamos vos agrade. Felices Reis a todos!