31.10.08

Samaín

Hoxe hai un ano puidemos ver os primeiros exemplares de As Crónicas de Gáidil nas librarías. Foi un día máxico e unha noite máxica.

En Gáidil o Samaín é un día temible: o Sidh Inframundo ábrese e a escuridade asulaga o mundo durante varias noites. Os Sidhe lanzan ataques contra as vilas dos guéghel, aproveitando que Lugh (o Sol) durme. Cando pasa o Samaín, comeza un ano novo en Gáidil.

Parece que nós levamos un tempo asulagados tamén por esta escuridade, facendo outras cousas e tentando manter a flote outros proxectos, xa de rol, xa de outros tipos de ocio, xa vitais. Neste ano houbo cousas que saíron a dereitas, pero tamén reveses que impediron que tivesemos o blogue e a lista de correo tan activa coma quixeramos. A verdade é que tivemos isto moi parado.
Estivemos xuntando moito material (en exceso, tal vez), pero hai que ordealo e probalo nese campo de batalla que son as probas de xogo ou "play testings". Tentaremos ter todo para antes do nadal, para poder enviarllo á editorial e que Víctor Rivas poida comezar os deseños cos que xa estivemos soñando Amra máis eu.

Unha boa nova que acabo de coñecer é que, aparte de a Lugh, a partires dagora teremos do noso lado tamén a Odín: alédome, Amra!

1.10.08

Clube de Rol en Compostela

Seica o vindeiro 4 de Outubro (este sábado) ponse en marcha o clube de rol do Ensanche compostelano. Haberá un acto de presentación a partires das 17h no que, entre refrixerios de benvida e entrega de carnés por parte do concelleiro, visionarase o Episodio IV de Star Wars.

Mágoa de non poder asistir por mor do vodorrio de Lorena, en Narón.

De tódolos xeitos hei estar ao tanto do que se faga neste clube. Polo dagora vexo que van ter varios torneos de Wargames, o 11 (de Warhammer Fantasy) e o 25 de Outubro (de Infinity). Agardo que tamén se vexan pronto actividades de rol e de rol en vivo.

E agardo que este clube funcione e que teña cabida e diversión para todos.