29.3.07

Portal de Rol para toda Galiza

Sempre é bo que aparezan estas iniciativas, máxime nun sitio coma este no que é difícil facer algo até que se fai.

Eiquí os temos.

27.3.07

Gáidil Go Bragh!



Máis de Rivas, con diversos guéghel.

25.3.07

Mapa da Gael-leach

Incompleto e en plan chapuza, pero qué carallo!



Este é sobre todo para ir mirando onde cae cada sitio. Hai moitos máis lugares que faltan neste mapa (O Castro das Aciñeiras, a Baiuca do Salgueiro Falador, O torreón do Baol'Engo...) pero supoño que pouco a pouco se engadirán a medida que o mundo medra. O chiste destas cousas é cando as deixas voar, e o mellor de todo é xa un día no que escoitas unha conversa sobre "o castro cheo de mortos vivintes que hai preto de Lug e que está en guerra cos piornais de pelo verde aliados dos limicos" e do que ti (como creador e deseñador do mundo) non tes nin idea.

23.3.07

Mapa de Gáidil "de batalla"

Este foi o primeiro mapa "oficial" de Gáidil. O debuxou Amra hai un par de anos para a versión "seria" que mandamos ás editoriais. Agora, despois de facer uns cambios pequenos e algúns interesantes engadidos, estamos á espera de ver con qué nos sorprende o sempre impresionante Señor Rivas.



Outro día, o da Gael-leach.

Un saúdo a todos.

19.3.07

Máis cousas



Seguimos co curre. Agora toca seguir revisando textos, acabar un mapa xeitoso de Gáidil e da Gael-leach, pequenas correcións... pero hai que ir a morte!

14.3.07

Dentes Cairos


Primeiros traballos sobre a ilustración.

12.3.07

Recuperando a Fe

Pois si, xa está confirmado: a publicación d'As Crónicas de Gáidil é xa unha realidade. Temos unha editorial galega inmersa no proxecto, con axuda por parte das institucións e o apoio a priori de certas tentas ao longo de Galiza que xa piden para facer partidas de presentación. Incrible.

Supoño que algo está a cambiar neste mundo para que pasen cousas deste estilo.

Xa vos irei dando conta das diferentes vicisitudes polas que estamos a pasar (corrección do texto, elección do ilustrador, formatos, soños...).

Estámolo flipando en cores.

11.3.07

Trece meses despois.

Trece.

E parece mal número, pero non o é en absoluto.

Hai hoxe trece meses, tantos como duraba o ano celta baseado en trece lúas cheas, abriamos Amra o León e máis eu este blog.

Trece meses longos, de moito traballo e moita espera. De investir tempo neste proxecto de tolos: un xogo de Rol en galego feito en Galiza, e de vérmonos rexeitados en moitas ocasións. Pero xa non.

As Crónicas de Gáidil van ser publicadas.

8.3.07

"Honra este día, pero honra os demais tamén"

Fora un día de caza moi bo. Tres coellos e un cervo. Darían para comer bastante tempo.

Nin se decatou cando os asaltantes fixeron a emboscada. Eran cinco, con aspecto de incursores do leste, fedorentos, suxos... de longos bigotes e pelo crecho. Riron e maldixeron, insultaron e menosprezaron. Pero era importante que mantivera a calma. Pousou as pezas cazadas no chan e colocou as maos nos puños das falcatas. "Non quero problemas... dóuvos os coellos e liscades". "Iso é o que ti pensas... imos levar todo o que tes. Incluso a vida e a honra... nunca poderás volver a mirar aos teus á cara".

Os cinco se achegaron a un tempo, armados con espadas curtas e escudos. Xusto antes de que o primeiro atacara, sacou as dúas falcatas nun movemento de apertura, parando un golpe coa esquerda, abrindo unha gorxa coa dereita, contorneando o corpo para fuxir das mortais espadas. As súas falcatas voaron polo ar, deixando unha estela de sangue ao seu paso, detendo estocadas e abrindo feridas coma se dun baile se tratara, movéndose entre os seus inimigos coma auga entre as pedras.

En menos dun tris os cinco incursores estaban tirados no chan, uníndose aos seus antergos no Alén. Recolleu a caza e se encamiñou de volta ao castro; á súa choupana xunto cos seus tres pequenos, que habían estar xogando, sós dende que quedara viúva había dous invernos.

Era unha guéghal, unha guerreira, unha cazadora, unha campesiña... e tamén unha mestra e unha nai. E ninguén no seu castro o dubidaba... nin se lle ocorrería poñelo en dúbida.

Para todas as currantes, sobre todo aquelas ás que algunha vez lles apetece coller un par de falcatas e aniquilar aos parvos que se lles poñen por diante, que non son poucos.

5.3.07

5000 e 300

Que non son 5300, ollo.
5000 son as visualizacións de páxina que leva este blog... non sei cómo porque mira que tardo en renovalo. De tódolos xeitos cinco mil gracias (ou grazas) a todos os que vos interesades ou vos interesáchedes.

E 300 é un bo motivo para que me apeteza a morrer volver a xogar unha nova partida de Gáidil.

Agora mesmo teño 2 partidas en activo: unha miña de Cthulhu e outra de Amra de "La Leyenda de los 5 Anillos", pero Gáidil sempre está aí, agardando por min para que xogue e imaxine novos lugares destas terras da Gael-leach, cunhas ganas tremendas de continuar as aventuras tra-la caída de Arnal o Raposo.

Agardo, o día menos pensado, poder sorprendervos cunha edición deste xogo. Que entredes nunha librería calquera e, de súpeto, entre un montón de libros nunha esquina vexades "As Crónicas de Gáidil: Onde Remata o Mundo Escomeza a Aventura" e lembredes a estes pobres soñadores...