28.12.06

A Caída de Arnal o Raposo

Non se sabe como pero Arnal, un ser do Sidh Inframundo, foi quen de unir a nada menos que 5 Clans de Lonbagdáir, a maior ameaza do leste da Gael-leach. Os lonbagdáir son en aspecto parecidos a nós, os guéghel... pero teñen a certeza de que son o animal que teñan por tótem: lobos, osos, águias, tabeiróns...

Arnal os reuníu a todos baixo o seu estandarte, e cargou atravesando os Montes Arrebolados, a fronteira leste, defendida polos xigantes Piornais e polos servintes do rei de Lug, a cidade murada. Pero nin a unión dos Lugóns, dos Limicos e dos Lemavos servíu de nada, e na chaira da Batalla foron derrotados. O exército de Arnal, con máis de 1000 lonbagdáir, encamiñouse a Lug.

Catro supervivintes a esta batalla (un ferreiro lemavo, un oisín limico, un piornal e un fomorián Ceivo) foron quen de chegar ao castro dos Fentos, un lugar tocado polo deus Lugh. Despois de recuperarse das feridas, foi o mesmo deus Lugh, en forma de ancián, que os encamiñou á victoria: alí onde un exército non pode, tan só catro loitadores poden marca-la diferencia. Catro contra mil. Coas bendicións do Pai de Todos, os compañeiros acudiron á chamada do seu Destino.
Alimentados por landras, castañas e mel recibidas de man do propio Lugh, foron quen de interceptar ao exército inimigo, só para descubriren que o propio Arnal o Raposo non era se non un fomorián servinte do Deus Oscuro: a Dana.

Atacando o seu campamento de noite, a tan só un día de camiño da Cidade Murada Lug, os compañeiros foron quen de aproveita-la sorpresa e, nun golpe mestre no que o ferreiro lemavo e o oisín limico incendiaron parte do campamento, e o fomorián ceivo cos seus triskeis arroxadizos e o piornal co seu Grande Martelo de Guerra atacaron a tenda desprotexida do propio Arnal, acabaron co Caudillo.

Sen líder que os unira, os lonbag dispersáronse, sempre de volta aos seus territorios alén dos Montes Arrebolados.

No Castro dos Fentos, os catro compañeiros foron recibidos coma o que están Destinados a ser: Heroes.

22.12.06

Moito conto...

Ultimamente estiven algo perdidiño e por iso non blogueo demaisado. Moito lío cunha partida de rol en Vivo de Vampiro, ademais de lendo xogos en inglés, entre os que destaco unha novidade: Runequest. Os veteráns dirán "novidade??". Si, Runequest é un xogo xa clásico, cun dos mellores sistemas de xogo e unha ambientación excelente dentro do medieval fantástico. O chiste é que o reeditan cun remozado xeral para as novas tandas de roleiros.

Tamén comentar que reenganchei con dúas cousas: primeiro un libro que á fin puiden poñerme a ler en serio: Juego de Tronos, recomendado por moita xente e que me regalou Jan de Delft, e segundo: Mithalda, unha campaña do xogo Dungeons and Dragons que comezou en versión Advanced e que evolucionou a D20. Unha campaña que segue activa despois de 5 anos e que é como voltar á casa.

Por outra banda estou preparando unha serie de pequenas partidas de proba para xente diversa, para que coñezan Gáidil. Serán partidas curtas, de 2-3 horas, co gallo de presenta-lo sistema e a ambientación (as dúas partes fundamentais de todo xogo) e para comentar despois.
Eiquí vos poño a Ulin, o fomorián, un deses personaxes dentro do xogo que leva con nós uns 9 anos dando guerra e dando moito que falar pola súa destreza, imbatibilidade e a súa capacidade de cambiar de bando cando menos se espera.

(o debuxo é de Amra, o León)