5.3.06

A vida dun Guéghal (I)

Nacendo

Os guéghel, como seres que proveñen de dúas razas, nacen pola unión de un Home e unha Muller. A Muller xesta a semente do Home durante nove anos luares (ás veces hai problemas, e a semente pérdese ou xermola antes). Tras este tempo, ás veces coa axuda dun Druída ou dun Amdaur (aprendiz de druída), ou un menciñeiro ou dunha parteira, nace un guéghal novo, ou varios dependendo da forza da Semente do Home e da riqueza da Terra da Muller.

As parellas de guéghel pretenden ter sempre un número alto de fillos e fillas, xa que moitos morren nos crús invernos e outros de enfermidades antes de chegar a adultos. Os que chegan á idade adulta poderán axudar á comunidade tanto traballando como defendendo e mellorando o castro. Por iso, cantos máis cheguen, mellor.

Un nacemento sempre é algo bo, pois os guéghel pensan que as almas voltan ó mundo pasando de corpo en corpo; así que un nacemento pode significar o regreso dun ser benquerido. Se hai un druída presente (por regra xeral, un Sabio) asignará un Vencello dependendo do día e do momento do nacemento. Este Vencello pode ser o Carballo, o Arroás, o Lobo, o Piorno, a Barbantesa... Cada Vencello inflúe na vida do guéghal dun xeito interior. O nacido baixo o Vencello do Toxo será "fero e de mal carácter; moi independente e brusco. As súas verbas firen"; o nacido baixo o Vencello da Denociña será "rápido, lixeiro e valente; non ten medo a inimigos máis fortes". Dependendo do Vencello, o pai ou a nai debe conseguir algo referente a tal Vencello; é dicir, si é Carballo, conseguirá unhas landras para poñer no berce... se é Lobo, unha pel de lobo para cubrilo do frío, etc.

Se o druída percibe que o recén nacido porta a alma dalgún antepasado, comunícallo ós parentes para que éste leve o nome de tal antepasado, aínda que ésta fora muller ou home. Este será o seu nome de nenez.

Tamén se pode dar o caso de que o Druída perciba a alma dun Milesio no recén nacido (algo estrano), ou incluso almas doutros seres tales como os fomoriáns (algo aínda moitísimo máis estrano). Isto pode dar lugar a situación de respecto ou desprezo por parte dos familiares e veciños.

Unha vez nacido, o neno debe ser lavado con augas do río máis próximo e, en honor ó Drú prántase unha árbore na Fraga Cerimonial da aldea, lugar onde se levarán prantando árbores dende a fundación da mesma por cada novo nacido.

3 comentarios:

Fer dijo...

Tio!
Gorento por que saquedes isto adiante!

acedre dijo...

Esta ben orixinal o xogo.
Ogalla fose real que se prantase un carballo por cada neno nacido.

O Breogán de Gáidil dijo...

E nós nin o imaxinas, Fer!

O da Fraga Cerimonial saíunos da alma, Acedre. Ademáis, ten un compoñente máis, que é o da "comunicación". Canto o "propietario" da árbore morre, normalmente é queimado ou botado río abaixo ó Mar... e a xente lémbrao e "fala" con el dirixíndose á súa árbore.

Pero xentes vivas de forte espírito tamén poden escoitar a chamada dos seus por medio destas árbores. Imaxina que a túa está eiquí, e o teu castro precisa de ti, oh, Grande Acedre de Rexa Espada e Fortes Brazos... os teus familiares pregan diante da árbore para que veñas e ti, nos EEUU escoitas as voces e sabes que precisan de ti.